Friday 10 de May de 2024

Oleiros edita unha publicación sobre o edificio de Rialeda e as árbores do seu xardín


Rialeda poesía da natureza é o título da publicación, de 63 páxinas, editada polo Concello de Oleiros que presenta o edificio da biblioteca central Rialeda e as árbores do seu xardín.

O libro quere reflectir a simbiose entre ciencia e literatura e tamén sirve para que a cidadanía poida animarse a visitar a biblioteca e gozar do apracible parque que arrodea o edificio. As súas páxinas amosan as árbores e arbustos do xardín da Biblioteca Central Rialeda, ademais de explicar algunhas das principais características arquitectónicas do edificio no que está situada.

Cada especie vexetal preséntase cunha fotografía, a descrición da planta (orixe, tipo de tronco, follas, froitos…) e acompáñase duns versos, ou dun poema seleccionado da obra de diversos escritores e escritoras.

Os textos sobre árbores e arbustos foron realizados por Fina Mosquera Roel, profesora de ensinanza primaria no colexio Valle Inclán de Perillo. As fotografías e o deseño son de Miguel Sánchez Mosquera que estudia Bachelor of Arts de fotografía e vídeo en LABA Valencia School of Art Design & New Media, e a coordinación e a selección das poesías foi realizada polo persoal da Biblioteca Central Rialeda.

A idea de levar a cabo este traballo xurdiu a raíz da realización das charlas de divulgación científica Ler para saber, nas que participa activamente Fina Mosquera coordinando ao alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria. Antes de cada conferencia realízase unha presentación sobre un tema científico. Como esta profesora xa efectuara un estudo sobre as árbores do colexio Valle Inclán, considerouse que se debía traballar sobre as do xardín de Rialeda para que as coñecesen e diferenciasen cando visitaran a biblioteca, así como realizar a correspondente conferencia dentro do programa de Ler para saber na que o alumnado participou explicando diversas árbores e recitando diversos poemas dos seleccionados na obra.

A Biblioteca Central Rialeda está situada nun fermoso edificio modernista, proxectado no ano 1912 polo arquitecto coruñés Rafael González Villar e restaurado polo Concello de Oleiros a través de dúas escolas taller, inaugurándose como biblioteca en 1998. Rodeada dun agradable xardín con gran diversidade de árbores e arbustos, no que destacan un cedro do Himalaia (cedrus deodara) e frondosos tileiros (tilia cordata), pódense atopar especies variadas, desde castiñeiros (árbores presentes desde hai moitos anos en Galicia) ata outras que, pese a ter a súa orixe noutros lugares, están moi adaptadas ao noso territorio, como son as camelias ou as magnolias.